CRTVG

Buscar

Arde unha casa 'okupada' no barrio de Feixoo, en Lugo

Publicado o 20/11/2019 14:42

Permanece precintada pola Policía Local esta casa da rúa Xoana de Ibarbourou, no barrio lugués de Feixoo, que foi pasto das lapas. O incendio produciuse logo de que os okupas que se instalaron nela fixeran unha fogueira con lixo, roupa e útiles vellos e perderan o seu control. Foi precisa a intervención de dous camións de bombeiros para evitar que o incendio se espallara ás casas lindeiras, todas elas antigas e deshabitadas ou okupadas eventualmente.

"Foi unha sorte que os bombeiros actuasen tan axiña porque, de non ser así, podería pasar o lume ás casas lindeiras e atoparnos cunha situación moi grave".

A rúa leva anos padecendo problemas de convivencia por causa dos ocupantes ilegais. Boa parte das vivendas contan con alarmas ou diferentes formas de tapias nos accesos para evitar que se introduzan intrusos, pero poucas veces resultan efectivas.

A casa que ardeu xa provocara queixas veciñais durante o verán porque se facían festas ata ben entrada a noite. De feito, na rúa apenas quedan inmobles habitados de xeito regular porque moitos dos veciños optaron por se mudar e deixar as casas baleiras.

"Vexo normal que se tapien as casas para impedir o acceso dos okupas. Pode non ser moi estético, pero non queda outra".

Segundo os veciños, os okupas que causaron este incendio xa provocaran máis altercados noutras zonas da cidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/11/2019