CRTVG

Buscar

Arde un camión de paquetería na A-52

Publicado o 25/09/2020 15:06

O condutor dun camión de paquetería resultou ferido ao tentar apagar un incendio rexistrado no vehículo que conducía pola A-52, en Carballeda de Avia (Ourense).

Ademais, o incidente obrigou a interromper a circulación durante media hora e, polo momento, o corte se mantén nun dos carrís.

Segundo informa o 112, foron varias persoas particulares quen alertaron da situación á central de emerxencias ao redor do mediodía. Entre elas, o propio afectado, que indicou que as chamas empezaran na zona do motor e a cabina, para logo estenderse até calcinar por completo o vehículo e a carga.

 A pesar de que o condutor descartou nun primeiro momento a asistencia sanitaria, pouco despois volveu contactar co 112 para solicitar axuda médica, xa que lle explotara un extintor na cara. Así, un equipo de Urxencias Sanitarias-061 se desprazou ao lugar do accidente a bordo do helicóptero con base en Ourense.

Os efectivos da Garda Civil desprazados ao lugar cortaron o tráfico na A-52 en sentido Vigo para facilitar a asistencia do equipo sanitario. Segundo fontes do 112, o condutor foi finalmente trasladado a un centro hospitalario en ambulancia.

Mentres os sanitarios atendían ao ferido, os bombeiros do Carballiño e os membros do GES de Ribadavia tentaron apagar o incendio, que terminou por devorar o vehículo por completo.

Pasadas as 13,00 horas, reabriuse un dos carrís cortados da A-52 para facilitar o fluxo do tráfico. O outro, informan fontes da DXT, continúa cortadA.

Noticias web

25/09/2020