CRTVG

Buscar

Os bombeiros conseguen evitar que se queimen as casas próximas a un pendello incendiado

Publicado o 11/10/2019 08:19

Foi contra as dúas da mañá cando comezou o incendio nun alpendre, situado na parroquia de Vilariño, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar. Foron os veciños da casa lindeira os que se decataron do lume, espertaron porque, segundo nos contaron, escoitaron un forte ruído das tellas que comezaron a estourar. Cando saíron da casa xa viron todo cheo de lapas. Chamaron os bombeiros e no lugar estiveron toda a noite traballando o equipo do GES do Pereiro e dúas unidades dos bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas. Non puideron salvar nada do interior, pero conseguiro evitar que o lume chegara ás vivendas lindeiras.

O pendello estaba cheo de leña e apeiros de labranza, pero cando chegaron os bombeiros, xa non puideron salvar nada e a construción quedou totalmente destruída.

O equipo do GES do Pereiro de Aguiar seguiu traballando toda a mañá nos labores de arrefriamento e retirando os cascallos. Descoñécense as causas que orixinaron este incendio e xa se está a investigar se o lume comezou de xeito fortuíto ou puido ser intencionado. Por sorte, os donos da vivenda lindeira habitada que foron os que deron a voz de alarma, non sufriron danos, tan só o gran susto que levaron no medio da noite ao espertar rodeados polas lapas. Pero só houbo que lamentar os danos materiais do pendello calcinado e que se derrubou.