CRTVG

Buscar

Arde un alpendre en Mugardos e o dono cre que o incendio foi intencionado

Publicado o 15/01/2020 13:38

Contra as seis da mañá, os habitantes dunha casa situada no lugar do Lodairo, en Mugardos, espertaban con cheiro a fume. Ardía un palleiro que está adosado á súa casa aínda que é propiedade doutra familia da veciñanza. Correron a avisar os donos e chamaron os servizos de emerxencia.

Desde o 112 avisaron os bombeiros de Ferrol e o Ges de Mugardos que empregaron unha hora en apagar a herba seca e refrixerar a vivenda. Non se sabe como se orixinou o lume.  

Juan José Silvent, cabo de garda no GES de Mugardos: "Non podemos dicilo. Había material moi seco, apeiros de labranza, pero nada que puidese provocar o incendio por si só. Non había ningunha estufa nin cable nin nada polo estilo".

O incendio estragou o tellado de uralita do alpendre e a palla, pero non causou maiores danos no resto das pertenzas. O dono está máis preocupado porque cre que foi provocado para intentar distraelos e roubarlles na casa porque o palleiro está afastado varios metros da vivenda. 

José Manuel Vázquez, dono do alpendre: "Ao chegar ao garaxe vin xente dentro, pegueille un berro e saíron. Deixaron unha ventá aberta que penso que foi coa intención de sacar as cousas que teño dentro. Penso que sería para roubar a ferramenta. Penso que o do incendio foi intencionado para, mentres iamos alí apagalo, aproveitar eles para facer aquí o dano".

Este mediodía tiña previsto formalizar unha denuncia no cuartel da Garda Civil.

Noticias web

15/01/2020