CRTVG

Buscar

Arde un almacén dunha nave de pensos en Vilalba cuns 200 animais dentro

Publicado o 25/06/2020 14:10

Nas imaxes que acompañan esta noticia vese como quedou un almacén dunha nave de pensos de Corvelle, en Vilalba. Un incendio arrasouno por completo, con todo o que había no seu interior. Entre pitos, pavos e coellos, morreron uns 200 animais calcinados ou intoxicados, tanto propios como destinados á venda. Tamén arderon palés con diversas mercadorías, ademais de comedeiros, bebedeiros ou caixas con lascas de madeira.

Gemma Fernández, a dona do almacén, cóntanos que nas instalacións había animais de autoconsumo e para a venda.

"Acababa de chegar o luns unha remesa de galiñas, de polos, de pavos...", comenta.

"O que non ardeu, morreu por intoxicación de fume. E das instalacións, o que non caeu hai que tiralo. É dicir, hai que reconstruír todo", laméntase.

As perdas foron cuantiosas, de miles de euros. E puideron ser maiores de non ser pola axuda dos veciños e pola rápida intervención dos bombeiros de Vilalba, que estiveron durante cinco horas a sufocar as lapas para evitar que se propagasen á nave principal do negocio.

"Acababamos de deitarnos e soubemos do lume por un veciño, tío de meu home, que nos veu avisar de que nos estaba a arder. Chamei ao 112 e estaba colapsado. Non houbo maneira de contactar e ocorréuseme chamar ao 061, que me colleron ao momento e deron aviso", asegura Gemma Fernández.

"Despois eu chamei ao parque de bombeiros de Vilalba, pero xa saíran grazas ao aviso do 061. Ademais de catro camións dos bombeiros, que tiveron despois que ir recargar auga, veu a Garda Civil, Protección Civil e un montón de xente", engade.

Polo de agora, descoñécese a orixe do incendio.

 

Noticias web

25/06/2020