CRTVG

Buscar

Arde por completo unha casa deshabitada en Alfoz

Publicado o 10/02/2020 13:49

Unha vivenda de grandes dimensións situada na Agrela, no concello mariñao de Alfoz, quedou calcinada por completo nun incendio. Por causas que se descoñecen, a casa comezou a arder de madrugada. Foron os veciños os que avisaron o 112, que mobilizou os bombeiros do parque comarcal de Barreiros e mailo GES de Cervo.

"Xa estaban saíndo as lapas polo tellado, entón intentamos controlalo para que non pasase a outras vivendas e para manter a estrutura da casa e evitar que se viñese abaixo. E hai máis vivendas pegadas, con risco de que lles caese enriba", di Fernando González, sarxento dos bombeiros de Barreiros.

"Quen espertou foi miña irmá, sobre as seis da mañá. Eu non a vin no cuarto e xa me preguntei se pasaría algo. Entón mirei para este lado, vin as luces e preocupeime por se estaba a arder a nosa casa do Loureiro".

A casa que ardeu levaba anos deshabitada. Debido ao seu gran tamaño, ao grosor dos muros e ao interior de madeira, acadáronse altas temperaturas no seu interior, polo que os bombeiros tiveron que traballar durante seis horas na extinción das lapas.

"A carga de temperatura é moita. As paredes manteñen moita temperatura, polo que houbo que ver como ía reaccionando e ver os puntos que podían quedar máis quentes, porque se vai desfacer a escuma máis rápido neses puntos e poder así actuar sobre eles. Actuar directamente dentro da vivenda é dun alto risco, porque pode caer parte da estrutura ou a estrutura completa", explica o responsable dos bombeiros.

"Inflamable é moito, porque é madeira antiga e se hai un curtocircuíto posiblemente prendera niso".

Os axentes da Garda Civil de Ferreira do Valadouro investigan agora as causas do incendio.

Noticias web

10/02/2020