CRTVG

Buscar

Arde en Ourol a casa en que hai un mes aparecera morto o inquilino

Publicado o 20/09/2019 13:41

O lume arrasou por completo unha vivenda da Casa Vella, en Ourol. O incendio declarouse a primeira hora da tarde, e as lapas axiña devoraron o inmoble, do que só quedaron en pé as paredes.

As tarefas de extinción prolongáronse catro horas. Nelas participaron os bombeiros de Viveiro, dúas motobombas e mais os efectivos da agrupación local de Protección Civil.

José Ramón Seara Arís, Protección Civil de Ourol: "Cando se chegou, a vivenda xa era unha bóla de lume. Os arredores da vivenda non están limpos, e entón corrían risco de arder. Temos eucaliptos, loureiros ou cipreses, todo moi pegadiño. A casa xa estaba totalmente queimada, non había máis que facer. Sobre todo, que non se propagase ao monte e ás vivendas lindeiras, que tamén teñen moita maleza pegada. Aínda así, o lume chegou a afectarlle a un hórreo que hai por riba da vivenda".

Trátase da mesma vivenda onde a finais do mes pasado aparecera morto o seu inquilino, de 63 anos. Ao parecer, o lume declarouse a raíz de que o propietario da casa, de 87 anos, botara unhas caixas a queimar nunha lareira cando estaba a facer limpeza.

José Ramón Seara Arís, Protección Civil de Ourol: "Hai algo menos dun mes, aparecera morto o inquilino da vivenda. O dono recolleu as chaves da casa, onde había moitísimo lixo acumulado cando sacamos o corpo do falecido. A persoa non tiña a síndrome de Dióxenes, había centos de caixas de cartón e moitos sacos. A casa estaba, nese sentido, nun estado lamentable".

A brigada xudicial da Garda Civil investiga agora as causas do incendio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/09/2019