CRTVG

Buscar

A nai e dous nenos pequenos conseguen fuxir dun incendio na súa casa no Porriño

Publicado o 12/12/2019 13:34

Non hai danos persoais, pero as lapas afectaron gravemente á estrutura da vivenda en que residía unha familia no Porriño. A nai e os dous nenos estaban no interior cando comezou o incendio no salón, posiblemente debido a un fallo eléctrico. Puideron saír da casa antes de que a sala ardese por completo.

Os bombeiros do Porriño lograron conter a propagación polo resto da casa, pero os danos na estrutura son moi graves. Hai fendas moi visibles na fachada, que está precintada pola Policía Local. Tal era a virulencia das lapas que se pediron reforzos ao parque de Vigo por temor a que se propagase polo vecindario.

Con todo, o fume alcanzou a vivenda lindeira. O seu propietario chegou a tempo para rescatar as mascotas e, despois de ventilala durante horas, puido regresar a ela cun bo susto no corpo.

Nos labores de extinción, que remataron contra as once da noite, os bombeiros empregaron 4.000 litros de auga.

Noticias web

12/12/2019