CRTVG

Buscar

Aproban o plan da Atención Primaria sen as comunidades gobernadas polo PP

Publicado o 10/04/2019 22:09

O Consello Interterritorial de Saúde aproba o Plan estratéxico para a mellora da Atención Primaria,  pero o documento elaborado polo Goberno non contou co apoio de todas as comunidades autónomas. As cinco gobernadas polo Partido Popular que acudiron á reunión abandonárona antes da votación por considerar que o plan estratéxico non ten consenso. Cuestionan tamén a ministra de Sanidade por presentalo nas vésperas da campaña electoral. No mesmo sentido van as críticas desde Galicia, por iso, o conselleiro de Sanidade xa non foi.

Nunha carta o conselleiro de Sanidade explícalle á ministra a ausencia de Galicia no Consello Interterritorial. Vázquez Almuíña rexeita o plan estratéxico de Atención Primaria do Ministerio de Sanidade porque non ten consenso e porque non resolve os problemas dese nivel asistencial. O conselleiro tamén está molesto polas présas coas que o Ministerio convocou a reunión. Acusa a ministra de facelo por estaren as eleccións ás portas.

Ademais de falta de consenso, o conselleiro acusa o Ministerio de Sanidade de invadir competencias autonómicas e de non de cumprir as súas propias.

O conselleiro di que, ademais de polo contido da reunión, non foi a Madrid, porque o seu deber é estar onde é necesario e, neste caso, era o Parlamento onde tiña unha comparecencia fixada con anterioridade. Vazquez Almuíña engade que, ademais, non ía ausentarse de Galicia cando estaba prevista unha folga de martes a xoves que finalmente foi desconvocada na tarde do luns.

A ministra de Sanidade lamentou "profundamente" que os conselleiros de Andalucía, Castela e León, Madrid, A Rioxa e Murcia abandonaran o Consello Interterritorial de Saúde. María Luisa Carcedo nega que a presentación da reforma da Atención Primaria teña fins electoralistas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/04/2019