CRTVG

Buscar

Aprázase ata o luns a declaración de Miñanco polo estudo das cuestións previas

Publicado o 25/10/2018 17:43

Primeira parada do Galicia Noticias, en directo, na Audiencia Provincial de Pontevedra. Esta mañá retomouse o xuízo por suposto branqueo de capitais en que está acusado Sito Miñanco e parte da súa familia.

Sito Miñanco chegaba á Audiencia Provincial de Pontevedra contra as 10 da mañá entre fortes medidas de seguridade pola entrada principal, pola que minutos antes entraran a súa ex-muller e súa filla. Segundo o seu avogado, viña con intención de declarar, malia que a ninguén lle apetece que o xulguen.

A continuación do xuízo que senta no banco dos acusados a Sito Miñanco, a súa filla Rosa María Prado, a súa ex-muller Maria Rosa Pouso e o empresario José Alberto Aguín, acusados de branqueo de cartos, comezou cunha nova quenda de cuestións preliminares, tras a suspension do xuízo o pasado mes de marzo.

O avogado de Sito Miñanco solicitou o sobresemento da causa, entre outras cousas porque os feitos xulgados xa foron sobresidos noutros xulgados a petición dos ministerios fiscais e ademais estaban prescritos.

Gonzalo Boye advertiu de que "contra Prado Bugallo non vale todo" e pediu que se aplique a lei. A defensa do empresario Jose Alberto Aguín adheriuse a todas as cuestións presentadas polo avogado de Miñanco. Pediulle ao Ministerio Fiscal que aclare o escrito de acusación sobre a procedencia e o volume económico dos cartos presuntamente branqueados. Acolleuse ao principio de vulneración da legalidade pola indeterminación na cualificación do escrito de acusación no que se refire ao seu defendido e solicita a nulidade de todo o proceso.

Tras un breve receso, a sesión continuou coa contestación do Ministerio Fiscal ás cuestión previas das defensas, as que cualificou de falsas.

Contra a unha e cuarto suspendeuse a vista, que se retomará o próximo luns, previsiblemente coa declaración de Sito Miñanco.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/10/2018