CRTVG

Buscar

Aprazan o xuízo contra oito acusados de maltratar unha muller que traballaba nun club de Lugo

Publicado o 21/10/2019 13:25

O xuízo na Coruña a oito acusados de maltratar unha muller que traballaba nun club de citas de Lugo quedou aprazado ata o 21 de xaneiro ao non presentarse un dos homes. Dous deles estaban fuxidos e declarados en rebeldía, pero a semana pasada foron localizados.

A defensa do principal encausado pediu que se revogase a súa prisión provisional. Todas as partes estiveron de acordo en adiar a vista.

Entre os acusados está o ex-compañeiro sentimental da vítima, para quen a fiscala pide 18 anos e 9 meses de prisión. Para o resto, solicita penas de cinco e tres anos de cárcere. A fiscalía sinala que o home, xunto cos outros acusados, dirixíronse ao Tritón, un club situado en Lugo, na nacional sexta, onde traballaba a muller. Alí obrigárona a subir ao coche en que ían. No interior mallaron nela. Levárona a Betanzos á casa doutro acusado, onde a muller quedou retida cinco días ata que logrou convencer o principal acusado de renovar a relación sentimental. Finalmente deixouna marchar.

"Nós negamos os feitos. A única testemuña que hai... certo que hai un vídeo, unha gravación, pero nesa gravación non se distinguen as facianas das persoas que fan o feitos. Nós non negamos os feitos, negamos a autoría. A única testemuña é a vítima que é testemuña protexida e nós insistimos na inocencia do noso cliente", di Diego Reboredo, avogado do principal acusado.

Houbo outro episodio semellante dous meses despois, pero a vivenda onde a levou estaba na localidade de Sigüeiro, en Oroso. Alí estivo dous días retida. A fiscalía asegura que durante a relación, o acusado someteu a continuos malos tratos físicos a súa parella sentimental en quen mallaba acotío, esixíndolle a entrega sucesiva de diversas cantidades de cartos que conseguía na súa actividade nos clubs de citas. A muller, ante as ameazas, víase obrigada a entregarlle o diñeiro, que polo menos foron 600 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019