CRTVG

Buscar

Aprazan a publicación de parte dos resultados do Informe PISA de España tras detectar anomalías

Publicado o 15/11/2019 16:11
Aprazan a publicación de parte dos resultados do Informe PISA de España tras detectar anomalías

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) decidiu aprazar a publicación de parte dos resultados españois do Informe PISA, cuxa publicación está prevista para o próximo 3 de decembro, tras detectar anomalías nas respostas dos estudantes na proba de lectura nalgunhas zonas de España.

Nun comunicado, a OCDE explica que está a traballar co Goberno de España para "identificar as causas" do comportamento "anómalo" das respostas á proba de lectura que "non reflicten o nivel real de competencia dos estudantes". 

Ademais, a OCDE non descarta que as probas de competencias matemática e científica estean tamén afectadas por este "comportamento anómalo", aínda que en menor medida. Os resultados españois destas probas si se publicarán, xunto aos do resto de países que participan no Informe PISA, o 3 de decembro.   

Preto de 40.000 alumnos de 1.102 institutos de todas as comunidades españolas participaron o ano pasado nas probas do Informe do Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes, coñecido como PISA polas súas siglas en inglés, que desde o ano 2000 avalía as capacidades de estudantes de todo o mundo en lectura, matemáticas e ciencias.   

As probas do Informe PISA están destinadas a alumnos de 15 anos, xusto cando se achegan a terminar a educación obrigatoria, e realízanse cada tres anos. En España, as probas aplícanse en todas as comunidades autónomas cunha mostra ampliada duns 50 centros en cada rexión que permitirá obter resultados autonómicos. A elección dos centros é aleatoria, e do mesmo xeito selecciónanse, por azar, os 42 alumnos que fan a proba en cada instituto.

Segundo o comunicado da OCDE, "os datos de España cumpriron os estándares técnicos de PISA e non se apreciou ningún erro técnico nin manipulación dos mesmos", aínda que "algúns datos mostran un comportamento de resposta inverosímil por parte dos estudantes".   

En concreto, na proba de lectura "un número relevante de estudantes españois responderon a unha sección nova da proba de lectura (a sección de fluidez lectora) dunha forma que era patente que non representaba a súa competencia lectora real", explica a OCDE.   

"Como esta avaliación se fixo a través de ordenador, as accións dos estudantes quedaron rexistradas e puido realizarse un seguimento do que fixeron. En moitos casos, os estudantes contestaron a sección de fluidez lectora de maneira apresurada, empregando menos de 25 segundos en total para responder máis de 20 preguntas", engaden desde a OCDE, sinalando que esta representa a principal anomalía das probas.   

Noutros países, os estudantes que realizaron este proba "empregaron polo xeral entre 50 segundos e máis de dous minutos en contestar esta sección, dependendo do rápido que puidesen ler".   

A OCDE precisa que "este comportamento de resposta" non foi xeneralizado en toda España, e rexistrouse "sobre todo en determinados centros educativos dalgunhas zonas" do país que non detalla. "A extensión e concentración de respostas deste tipo, moi rápidas e seguindo un certo patrón, tivo lugar só en España, e afecta os datos de rendemento en lectura", apostila.   

"Unha vez que coñezamos a extensión do problema en profundidade e comprendamos as súas causas e consecuencias, a OCDE decidirá cal é a mellor forma de publicar os resultados de lectura en España. Mentres tanto, estes resultados non deben ser feitos públicos nin total nin parcialmente", sentencia a OCDE no comunicado.   

O Ministerio de Educación e Formación Profesional, que coordina a proba en España a través do Instituto Nacional Avaliación Educativa (INEE), declinou valorar esta decisión da OCDE.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí