CRTVG

Buscar

Aparece o cadáver dunha octoxenaria aboiando no río en Sarria

Publicado o 22/03/2019 19:39

No concello lugués de Sarria os veciños amenceron coa triste nova do falecemento dunha veciña da zona. O cadáver da muller foi localizado á última hora da tarde aboiando nesta parte do río, xunto á zona do malecón. Foi unha persoa que paseaba pola zona a que deu o aviso despois de ver un vulto aboiando. Cando viron que se trataba dunha persoa, varios viandantes e o traballador dun bar próximo achegáronse ao río e conseguiron sacar o corpo ata a beira.

Mentres uns rescataban o corpo, outros alertaron os médicos do centro de saúde que está a poucos metros do lugar do suceso, pero xa non puideron facer nada por salvarlle a vida. A uns trinta metros da zona onde foi recuperado o cadáver da muller apareceron algunhas das súas pertenzas, como un bastón e un pano. A nova do seu falecemento pillou por sorpresa os veciños da zona, algúns mesmo a viran poucas horas antes do suceso.

Tras o levantamento do cadáver, o corpo da octoxenaria foi trasladado ao hospital de Lugo para realizarlle a autopsia e tratar de esclarecer as causas da morte.

Noticias web

22/03/2019