CRTVG

Buscar

Aparece nunha nave de Coirós o niño de velutina máis grande que se atopou ata o momento

Publicado o 11/10/2019 14:44

Lolo Andrade, un dos maiores especialistas en velutinas que hai en Galicia, será o noso guía nesta ruta cara ao maior niño rexistrado ata o momento.

"É un avesporeiro moi grande porque ninguén as molesta. Chegan case a final de ciclo sen que ninguén o vexa e por iso hai niños tan grandes en construccións abandonadas que levan tempo sen uso", explica Lolo Andrade, de Protección Civil de Cambre. 

Antes de subir, hai que equiparse. Achegarémonos a menos de dous metros do niño.

"Son traxes deseñados especialmente para o control de avespas. Teñen un grosor especial para que non chegue o aguillón. E son vermellas porque ningún himenóptero ve esa cor".

O acceso é sinxelo, pero pode resultar perigoso en caso de ataque das avespas.

"Temos que ter moito coidado. Montamos unhas liñas de vida porque aquí había barandelas de seguridade que as foron roubando e por iso temos que tomar precaucións, para evitar accidentes".

Aí o temos: un niño de máis dun metro de altura e uns 80 centímetros de diámetro, con capacidade para uns dous mil individuos. O máis grande que ten visto Lolo desde que empezou nisto hai 6 anos.

"Un niño secundario nesta época tería este tamaño e este ancho. Aquí atopámonos cun diámetro bastante máis grande e un tamaño que duplica o normal".

Retirarano esta fin de semana. De noite, que é cando a maioría das avespas regresan á casa.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2019