CRTVG

Buscar

Animais do Camerún pacen no monte de San Roque, en Viveiro

Publicado o 24/06/2019 21:50

Nun monte común de San Roque pacen en liberdade ovellas do Camerún, gamos e ata un ñandú. Os comuneiros crearon tamén un parque para deportes de natureza e unha ruta para desprazarse polas árbores. Todo para que veciños e visitantes poidan gozar dunha forma de aproveitar o monte común moi diferente da habitual.

Plantan eucaliptos e piñeiros e cobran o canon polo establecemento dun parque eólico. Ata aí, a comunidade de montes de San Roque, en Viveiro, é igual que calquera outra. Pero a cousa cambia cando se comproba que nela residen animais de orixe africana e americana como estas ovellas do Camerún, este exemplar de ñandú ou unha familia de gamos.

Os animais son parte dos atractivos con que os comuneiros queren gañar visitantes e seguir financiando as súas actividades. Outro deles son estas rutas entre as árbores polas que gozar da natureza. E todo a tres quilómetros do centro de Viveiro. Na iniciativa colaboran a propia comunidade e unha empresa local, que tamén é comuneira.

Carlos Méndez, presidente da Comudade de Montes: "Queremos que ser un referente de turismo familiar. Que veñan aquí desfrutar da natureza e poidan ter actividades todo o ano".

Pedro Esmorís, socio de Roque-Park Aventura: "A comunidade ten outros ingresos pero entendemos que esta é unha boa forma de poñela en valor e de aproveitar máis eficazmente os terreos".

O parque de aventura vai abrir todos os días do verán en horario de mañá e tarde. Ademais das actividades de natureza, os visitantes poden gozar das vistas da ría dende o miradoiro, a cova e a capela do San Roque.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019