CRTVG

Buscar

Ana Pontón: "O BNG volve estar en todas as cidades galegas"

Publicado o 27/05/2019 10:34

No BNG celebran os resultados electorais. A portavoz nacional, Ana Pontón, fala dun avance imparable da formación política que consolida un cambio de ciclo.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG: "Comprobamos como estas eleccións consolidan un crecemento importante do BNG, un cambio de ciclo. Estou convencida de que é un avance imparable, que se vai multiplicar nas vindeiras eleccións galegas porque temos un proxecto que ofrecerlle á xente do noso país para mellorar a situación que vive neste momento Galiza".

A portavoz nacionalista do BNG, Ana Pontón, valorou o resultado das eleccións xa que o seu partido "volve estar en todas as cidades galegas", polo que dixo que cumpriron o seu "obxectivo", cun incremento do "35%" nas cidades. En relación ás europeas, manifestou nunha comparecencia ante a prensa que a súa organización obtivo "un gran resultado", onde conseguiron "duplicar os votos de fai cinco anos" e sinalou que "Ana Miranda vai seguir dando a cara polos intereses deste país" e por "unha Europa social".

Así mesmo, asegurou que con este resultado a súa formación quere "liderar o cambio" que "poña fin a este decenio negro de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia", de forma que recoñeceu que teñen "un reto moi importante para o ano que vén", para "abrir un tempo novo para este país".

Tamén apuntou que o BNG "vai ter catorce maiorías absolutas, cando fai catro anos a cifra era de catro" e ademais esperan ter as alcaldías doutros concellos, o que ao seu xuízo "é unha boa noticia" porque afianzan "un espazo político que lle dá esperanza a este país". Co que define como "crecemento importante do BNG", a portavoz nacionalista ha dito que van seguir "sumando, traballando con inconformismo e con humildade, porque canto máis avance o BNG mellor vai ir a Galicia".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí