CRTVG

Buscar

Ana Pontón aspira a ser a primeira muller e a primeira nacionalista que presida a Xunta de Galicia

Publicado o 19/01/2020 15:12

Preto dun milleiro de militantes recibiron hoxe a súa candidata en Santiago, nun auditorio que quedou escaso e obrigou a Ana Pontón a comezar o seu discurso na rúa. A candidata quixo agradecer o apoio amosado e comprometeuse a loitar polo cambio nas próximas eleccións e por ser a primeira muller e nacionalista presidenta da Xunta.

"Estaremos á fronte do Goberno para cambiar o rumbo; para que en Galicia haxa solucións adaptadas ás nosas realidades, modernas e eficaces; para poñer o país a producir e xerar riqueza e emprego; para poñer en marcha unha política social avanzada na que ninguén quede atrás e tamén para defender a nosa lingua e os nosos sinais de identidade", di Ana Pontón, candidata do BNG á Xunta.

Acompañada de representantes de diferentes colectivos: feministas, investigadores, dos traballadores de Ferroatlántica ou do hospital de Verín, Ana Pontón fixo un chamamento á cidadanía que aínda non forma parte do BNG para que se una ao proxecto de futuro que representa, sen submisión a Madrid, dixo, e coa capacidade de decidir o futuro do país.

Noticias web

19/01/2020