CRTVG

Buscar

Ana Pontón: "Agora os políticos temos que demostrar a mesma unidade que lle pedimos á xente"

Publicado o 17/03/2020 11:20

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, valorou no Bos días a crise do coronavirus así como o adiamento das eleccións autonómicas.

"Estou ben. Tranquila. Estamos vivindo un monentos sen precedentes. Hai moitas persoas que seguro que o están pasando mal, pero temos que estar orgullosos da resposta que está dando a sociedade galega. Imos saír adiante. Está aflorando con máis forza que nunca a cooperación e a axuda entre nós".

A voceira do BNG tamén gabou o traballo realizado tanto nos centros sanitarios como nos supermercados, gasolineiras ou farmacias: "É un esforzo extraordinario o que están facendo. Son un exemplo do que é capaz a sociedade galega".

Sobre o adiamento electoral apuntou: "A prioridade absoluta ten que ser loitar contra a crise do coronavirus. Sempre o máis importante é a vida e a saúde das persoas. Por iso dixemos desde o primeiro momento que a convocatoria electoral non tiña ningún sentido no medio desta crise. Ademais non se daban garantías democráticas".

"A nosa postura vai ser chegar a un consenso nesta reunión. Igual que lle estamos pedindo unidade á xente para enfrontarse ao coronavirus, os políticos tamén temos que demostrar unidade".

Noticias web

17/03/2020