CRTVG

Buscar

Ana Peleteiro e Adrián Ben encabezan a delegación galega nos campionatos de España de atletismo en Ourense

Publicado o 28/02/2020 19:26

A pista de Expourense, unha das poucas instalacións de tecnoloxía hidráulica do mundo, está preparada para albergar esta fin de semana unha cita histórica. "Por primeira vez no atletismo galego imos organizar este Campionato de España absoluto. Nunca se fixera nos 55 anos de historia desta gran competición. Mañá será un día histórico para o deporte galego", comenta o presidente da federación galega de atletismo, Isidoro Hornillos.

Participarán 32 atletas galegos. A delegación está encabezada por Ana Peleteiro, que fará a súa única competición do ano en pista cuberta. A final da actual campioa de Europa de triplo salto en pista cuberta será este sábado a partir das oito da tarde. A outra gran baza galega é Adrián Ben, que acaba de bater o récord galego dos 800 metros. Correrá a final o domingo á unha e cuarto da tarde. "Teremos en total 530 atletas dos que máis de 60 xa foron campións de España absolutos. Tamén temos nada menos que oito plusmarquistas españois. Vai ser unha competición de altísimo nivel", conta Hornillos.

Tras a suspensión do mundial por culpa da epidemia do coronavirus na China, Ourense porá punto final á temporada de pista cuberta.
 

Noticias web

28/02/2020