CRTVG

Buscar

Ana Julia admite o crime de Gabriel e di que quixo suicidarse

Publicado o 11/09/2019 09:32

•  Ana Julia Quezada recoñece que matou a Gabriel pero "só quería que calase". A autora confesa do crime declárase "inocente"

• Os pais de Gabriel declaran no xuízo a porta pechada

• Un psicólogo di que Gabriel tiña medo de Ana Julia

 

A segunda sesión do xuízo pola morte do neno Gabriel Cruz estivo marcada polas declaracións da única acusada. Ana Julia Quezada admitiu que o matara, dixo que foi por accidente, que quería que a detivesen e que pensaba suicidarse. Tamén lle pediu perdón á familia. Os pais e a avoa de Gabriel compareceron a porta pechada. Só a nai pediu mirala de fronte. 

A preguntas da fiscala, Ana Julia Quezada admitiu que matou a Gabriel. Declarou que o fixo en resposta aos supostos insultos que lle proferiu o neno.

Ana Julia Quezada: "Só me acordo que me dixo 'negra fea, non me mandes, que ti non es a miña nai, eu non quero que esteas co meu pai, quero que miña nai case co meu pai', berrando, e eu simplemente lle tapei a boca, eu non quería facerlle dano ao neno, eu só quería que calase, eu non quería matar o neno, non quería quitarlle a vida a Gabriel".

Ata aquí relatou o que xa declarara ante o xuíz de instrución. Pero cambiou a versión dos feitos cando explicou por que deixou a camiseta do neno. Agora dixo que non era para despistar nin darlle esperanzas ao pai.

Ana Julia Quezada: "Eu quería que me collesen porque como non era capaz de dicilo coas miñas palabras, quería que me atrapasen, que me collesen".

Tamén deu unha versión nova sobre o que ía facer co neno cando a detiveron con el no maleteiro.

Ana Julia Quezada: "Ía deixalo no garaxe de Vícar, escribir dúas cartas e tomar todos os medicamento que levaba".

Cando lle mostraron as fotografías que lle quitou a Garda Civil desenterrando a Gabriel na leira de Rodalquilar, a acusada pediulle perdón á familia.

Os pais de Gabriel, a avoa paterna e unha prima do neno tamén prestaron declaración pola tarde, aínda que a porta pechada. Hoxe declaran sete testemuñas, entre elas, catro gardas civís, un policía, un tío de Gabriel e o ex-marido da acusada.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí