CRTVG

Buscar

América supera a Europa e convértese na rexión con máis casos de COVID-19

Publicado o 12/05/2020 13:29

O número de casos de COVID-19 no mundo confirmados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) alcanzou os 4,08 millóns, mentres que os falecidos superan os 288.000, e hoxe por primeira vez o continente americano excedeu ao europeo en número de infeccións.

Tanto Europa como América suman máis de 1,7 millóns de casos, a gran distancia dos 275.000 de Oriente Medio, os 160.000 de Asia Oriental-Pacífico, os 105.000 do sueste asiático ou os 46.000 de África. Entre os países máis afectados do mundo, preocupa a rápida expansión do coronavirus en Rusia, que hoxe superou a España en número de casos segundo a OMS, situándose en segundo lugar global só tras os Estados Unidos.

Tras estes tres países colócanse O Reino Unido, Italia, Alemaña, Brasil, Turquía, Francia e Irán. O número de recuperados a nivel global supera os 1,5 millóns, mentres que os pacientes en estado grave ou crítico son 2 por cento do total (46.000).

Segundo as cifras das redes sanitarias nacionais, lixeiramente superiores ás da OMS, os EUA é o país do mundo con máis infeccións (1,3 millóns); O Brasil, o oitavo (169.000 casos), e O Canadá, o décimo terceiro (case 70.000 contaxios, unha cifra á que tamén se aproxima O Perú).

Pese ao maior número de contaxios, os falecidos por COVID-19 no continente americano, que o luns superaron a barreira dos 100.000, son significativamente menos que os preto de 160.000 rexistrados no continente europeo.

Os EUA confirmaron máis de 80.000 falecidos, por 11.000 en territorio brasileiro e case 5.000 no Canadá, destacando tamén a cifra de máis de 3.500 mortes en México.

A pesar das cifras, varios países americanos están xa elaborando plans de relaxación dos confinamentos e outras medidas tomadas con anterioridade para frear a expansión do novo coronavirus.

 

Palabras descoñecidas