CRTVG

Buscar

Amancio Ortega compra un edificio preto da Casa Branca por 207 millóns de euros

Publicado o 23/08/2019 19:11

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, segue reforzando os seus investimentos inmobiliarios tras alcanzar un acordo para adquirir un edificio de oficinas en Washington, nunha operación valorada aproximadamente en 230 millóns de dólares (207,7 millóns de euros).

En concreto, o empresario galego, a través da súa firma de investimento Pontegadea Inmobiliaria, ultima un acordo con Blackstone para facerse con este edificio de oficinas que está situado preto da Casa Branca, no número 815 de Connecticut Avenue, e que conta con 12 plantas.

O edificio está arrendado ao despacho de avogados Baker McKenzie, ademais da Cornell University, Sumitomo Corp. of America e United Airlines, entre outros, segundo adianta este venres 'Expansión' citando á publicación especializada 'Real Está Alert'.

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, pechou 2018 cunha carteira inmobiliaria valorada en 9.767 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,5% respecto ao exercicio anterior, agrupada na súa sociedade Pontegadea Investimentos, que conta cun patrimonio neto de 23.493 millóns de euros, superior aos 21.006 millóns de euros dun ano antes.

Ortega, que inviste parte dos dividendos que recibe da compañía téxtil no sector inmobiliario, posúe a maior inmobiliaria española, centrada na compravenda e aluguer de grandes edificios, que engloba unha carteira de activos inmobiliarios integrada fundamentalmente por edificios de oficinas, non residenciais, situados no centro de grandes cidades en España, Reino Unido, Francia, Estados Unidos e Asia.

Ao peche do exercicio 2018, Pontegadea Investimentos contabilizaba activos de diversa índole por valor de 31.762 millóns de euros, o que supón un incremento do 9,4% respecto aos 29.028 millóns de euros anotados en 2017.

A sociedade patrimonial de Ortega rexistrou un beneficio atribuído de 1.817 millóns de euros en 2018, un 23% máis que o exercicio anterior, que pechou cunhas ganancias de 1.475 millóns de euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí