CRTVG

Buscar

Alu Ibérica ve "imposible" producir aluminio co estatuto proposto polo Goberno

Publicado o 19/02/2020 17:29

 

Alu Ibérica di que o estatuto das electrointensivas é un engano do Goberno. Consideran que se non cambia lles é inviable retomar a produción de aluminio na antiga Alcoa. Así que, tampouco poderán manter todos os postos de traballo, en concreto os que dependen da electrólise, que son 168 nesta planta. A dirección da empresa responsabiliza directamente o Goberno da situación, e acusa o Executivo de enganalos para que mercasen a factoría.

A dirección de Alu Ibérica fala claro: co prezo da enerxía que marca o estatuto das electrointensivas é imposible producir aluminio primario en España. Di que non poderá poñer a andar a antiga fábrica de Alcoa da Coruña. E tampouco a de Avilés, que mercou canda ela.

A empresa asegura que, tal e como se comprometera, ten en marcha un plan industrial para producir aluminio verde nelas, pero di que todo quedará en nada se o estatuto non cambia e se abarata o prezo da enerxía, que, denuncian, está un 30 por cento máis caro que en Alemaña.

Julio Moscovich, delegado da CIG no comité de empresa de Alu Ibérica: "Vén a confirmar o que levamos dicindo todos, que este estatuto non resolve o problema".

Mediante un comunicado, Alu Ibérica advirte que, se o Goberno non modifica o estatuto, terá consecuencias no emprego. Non descarta ter que despedir máis de 300 empregados nas dúas plantas, os que dependen das series de electrólise. No caso da Coruña son 168 traballadores.

Di a empresa que o seu futuro depende directamente de que o Goberno cumpra cos compromisos que tiña adquiridos de baixar o prezo enerxético en España.

Julio Moscovich, delegado da CIG no comité de empresa de Alu Ibérica: "Hai cousas que di o Goberno que non son certas. O Goberno di que este é o único estatuto posible e non é así. Hai moitas partes da tarifa eléctrica que son decisións políticas".

Alu Ibérica acusa o Goberno de enganalos cando mercaron as fábricas de Alcoa: din que as condicións que lles prometeron facían viable volver producir aluminio e asegurar os empregos. Pero que o que presenta agora o Executivo no estatuto das electrointensivas non ten nada que ver.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí