CRTVG

Buscar

Alu Ibérica asegura que aclarou á Xunta o seu contrato de compravenda

Publicado o 18/06/2020 22:17
Alu Ibérica asegura que aclarou á Xunta o seu contrato de compravenda

A nova directiva de Alu Ibérica (antiga Alcoa), liderada polo Grupo Riesgo, reuniuse este xoves coa Xunta de Galicia e o Goberno do Principado de Asturias e asegura que "aclarou" a "relación contractual" da compravenda de ambas as plantas. 

O Grupo Riesgo e Parter Capital convocaron unha reunión con autoridades, sindicatos e a empresa para dialogar sobre o estado das plantas de Avilés e A Coruña, comentar os avances do proxecto industrial e resolver todas as posibles dúbidas que puidese haber.

"Esta reunión xorde despois de que a compañía non fose convidada á mesa industrial oficial por parte do Ministerio de Industria", indica Riesgo nun comunicado. Os responsables de Parter e Grupo Industrial Riesgo, afirma, aclararon ás autoridades a relación contractual da compravenda de ambas as plantas e reiteraron "o seu compromiso" de manter os acordos asinados con Alcoa. 

Ambas as compañías comprometéronse tamén a seguir mellorando a situación das fábricas cos investimentos sinalados no plan. Os comités de empresa de ambas non acudiron á reunión a pesar de estar convidados, apunta a nova directiva das plantas, quen presentou as liñas xerais do plan industrial cos avances realizados nos últimos dous meses e destacou o compromiso de futuro, á vez que fixo un percorrido polos avances, como pode ser a creación dun departamento comercial ou a conversión a gas das dúas fábricas. 

"Valoramos moi positivamente a presenza da Xunta de Galicia e o Principado de Asturias para dar a oportunidade de explicarmos o noso proxecto de maneira persoal. Cremos que é a nosa responsabilidade a creación dun espazo de diálogo e transparencia entre todas as partes involucradas para que esta operación chegue a bo porto. Sen o compromiso de todos, as plantas non terán futuro", destacan en Alu Ibérica. 

A compañía considera esta reunión "moi produtiva" e "espera ser convidada" á mesa industrial oficial para seguir dialogando polo futuro da compañía e os traballadores, e "que todos estean ao tanto do desenvolvemento do plan", resolveu.

O Principado ve unha perda de tempo o encontro co Grupo Riesgo

A directora xeral de Industria do Principado, Rosana Prada, cualificou de "perda de tempo" o encontro convocado este xoves polo Grupo Riesgo para expoñer os seus plans industriais.

Segundo Prada, nin Grupo Riesgo nin Parter achegaron datos ou detalles adicionais aos xa coñecidos anteriormente e tampouco presentaron ningunha proba documental aos representantes dos gobernos asturiano e galego nin dos plans ou investimentos previstos e tampouco da existencia dun plan económico e financeiro que os acredite.

Ante esta situación, o Executivo asturiano lamentou que non se despexaron "as múltiples dúbidas e incógnitas sobre a plantas de fabricación de aluminio". Por iso, subliñou que manterá os seus esforzos para que se analicen todas as opcións posibles que permitan garantir a actividade industrial da antiga fábrica de Alcoa "dando continuidade ás actuais liñas de produción co obxectivo de achegar estabilidade e certeza aos e as traballadoras".