CRTVG

Buscar

Almuíña considera que o protocolo da Liga "debe ser revisado" porque "claramente" ten "lagoas"

Publicado o 22/07/2020 16:49

A Consellería de Sanidade realizará este mércores unha PCR a catro contactos relacionados co brote do Fuenlabrada, pero que non teñen vinculación co club, á vez que confirmou que os casos positivos cumprirán a súa corentena na Coruña. 

Nunha conferencia de prensa tras participar no Comité Clínico, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, explicou que, ademais das 46 PCR realizadas á delegación do Fuenlabrada, das que seis foron positivas, faranse catro probas a outros tantos contactos, neste caso non vinculados co club.  

Trátase, en concreto, de tres condutores de autobús e un afeccionado que tiveron contacto cos positivos e que xa están en illamento no seu domicilio, na Coruña.  Tras ter coñecemento destes posibles positivos dentro do Fuenlabrada, que se desprazou á Coruña para xogar contra o Depor, Sanidade realizou probas PCR a 46 persoas da delegación do club. Delas, seis deron positivas e puxéronse en illamento, do mesmo xeito que os seus contactos.

  O conselleiro destacou, porén, a "discrepancia" entre os datos proporcionados polo laboratorio privado de Madrid --que falaba de oito positivos-- e os detectados polo Sergas, que repetiu probas serolóxicas a toda a delegación. Estas confirmaron este mércores os seis casos.   Derivado do traballo dos rastrexadores, con todo, ampliáronse os contactos vinculados a outras catro persoas sen nexo co club, tres condutores de autobús e un afeccionado, que tamén gardan corentena.  

O conselleiro destacou que Sanidade está en "contacto permanente" coa Comunidade de Madrid, á que dá traslado dos seus datos e onde tamén se realiza "rastrexo aos contactos" que viven na capital española. A preguntas dos medios, Vázquez Almuíña confirmou que, polo menos os afectados que conten con PCR positiva, deberán completar a súa corentena na Coruña. En concreto, explicou que, "salvo que non se poidan cumprir as condicións de illamento", os protocolos indican para estes casos que "non se deben desprazar".  

No hotel onde se atopan, engadiu, "danse as condicións adecuadas", xa que están "perfectamente illados" e a súa situación é boa. O conselleiro precisou que "terán que ser os responsables do club os que asuman os custos" deste aloxamento.   En canto aos contactos illados pero que contan con PCR negativa, Vázquez Almuíña abriu a porta a que se "estableza un acordo" co Ministerio de Sanidade e a Comunidade de Madrid para "trasladalas" á capital baixo un "protocolo adecuado". Entre as condicións de seguridade que se lles imporían, apuntou, estaría a realización dunha nova PCR para confirmar que son negativos antes de saír, "para que non se faga a viaxe cunha proba pendente".

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou este mércores que o protocolo de actuación e prevención contra a COVID-19 da liga "ten lagoas" e considerou que, "claramente", debería "ser revisado" por mor do sucedido no caso do Fuenlabrada.   En declaracións aos medios após participar nunha reunión do Comité Clínico, que avaliou, entre outras cuestións, o brote derivado do seis positivos deste club de fútbol, o conselleiro lembrou que a Xunta mantén unha investigación para saber se algunha parte deste protocolo "non se cumpriu".  

Explicou que, á vista do sucedido, "demostrouse que --o protocolo-- ten lagoas", polo que considera que "debe de ser revisado" por parte do Ministerio e dos seus responsables, para evitar que algo así se repita. Este punto de vista, dixo, é compartido pola Comunidade de Madrid.   Para frear os brotes de COVID-19, dixo o conselleiro, é "importante a comunicación fluída e a responsabilidade de todos aqueles que estean implicados", polo que se "pediu información" respecto diso das medidas que se tomaron en relación a estes positivos.  

En todo caso, e aínda a pesar de que o protocolo "pode ter lagoas", Almuiña considerou que "unha parte non se cumpriu". Unha investigación da Xunta trata de determinar agora "onde estiveron os erros", dixo.

  Así, e en relación á posibilidade de emprender accións legais se se atopa algunha neglixencia, o conselleiro indicou que Sanidade segue "as canles que marca a lei", aínda que apuntou cara á comunicación por parte dun laboratorio privado como unha das posibles "lagoas".   "Entendemos que o laboratorio ten que comunicar calquera positivo, calquera laboratorio privado en Galicia así o fai, por saúde pública, pero aquí non se deu", dixo o conselleiro, tras o que lembrou que este laboratorio non depende da competencia da Sanidade galega.

Un protocolo que segundo o propio club se cumpriu en todo momento "Poñemos sempre a información ao servizo da Liga e dos nosos servizos médicos, e evidentemente non cometemos ningunha neglixencia como tanto se dixo", di o presidente do Fuenlabrada.  

Tamén fixo referencia a esas críticas o alcalde de Fuenlabrada, quen con este chio respondía a alcaldesa da Coruña O goberno local herculino xa anunciou que vai dar un paso máis levando á Liga ante a Fiscalía por poñer en perigo a saúde de toda a cidade. Unha decisión que conta co apoio de todos os grupos municipais.

Noticias web

22/07/2020