CRTVG

Buscar

Alicia Fernández, de Narón á elite do balonmán mundial

Publicado o 19/12/2019 20:15

Alicia Fernández regresou ao pavillón de Narón, onde empezou a xogar ao balonmán. "Cando saín de aquí, tiña moitas ilusións de conseguir grandes cousas. Pero unha cousa é o que ti imaxinas o que queres conseguir e outra é poder chegar a elas. Estou moi contenta e orgullosa de como foi a traxectoria e de empezar aquí tan pequena, cos meus compañeiros de clase, e chegar tan lonxe", dixo a subcampioa do mundo.

Alicia saíu do seu Valdoviño natal aos quince anos. Antes de chegar á selección española, pasou por varios equipos, entre eles o Porriño. Agora xoga no Rammicu Valcea de Romanía.

"O salto máis difícil é saír ao estranxeiro. É unha barreira e non sabes como te vas desenvolver. No meu caso marchei catro meses despois dunha operación nun xeonllo. Foi un momento de inflexión na miña carreira. Todo saíu ben", recoñeceu a xogadora da selección.

A metade das xogadoras da selección militan en clubs estranxeiros. Alicia xoga a Liga de Campións despois de gañar a liga romanesa. A Alicia Fernández gustaríalle que houbera "un proxecto importante en España para poder volver. Como eu, todas as miñas compañeiras. Como en España non se vive en ningures, pero a día de hoxe iso non existe, así que posiblemente me decante por quedar uns anos máis fóra".

A piques de facer 27 anos, a subcampioa do mundo volverá dentro duns días a Romanía para completar a súa terceira temporada alá.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/12/2019