CRTVG

Buscar

Alfonso Villares, alcalde de Cervo: "Se o prezo da enerxía é competitivo, se non é Alcoa, será outra empresa a que veña fabricar aluminio primario"

Publicado o 28/05/2020 11:46

Os problemas de Alcoa na Mariña vólvena ao primeiro plano agora que amaina a crise do coronavirus. A Mariña agarda expectante as novas sobre a planta, despois de que multinacional convocara o comité de empresa a unha xuntanza extraordinaria para comunicarlles como ven a situación que, din, é insostible. Isto quere dicir peches e despedimentos.

Alfonso Villares, alcalde de Cervo, explica no Bos días que soubo da situacion antonte pola comunicación dun representante da empresa, e que lle dixo o mesmo que a todos os medios de comunicación.

A empresa fala de pechar a liña de aluminio, que é o produto eleborado e, polo tanto, de maior valor engadido, e deixar só a liña de alúmina, que é a materia prima. Para o alcalde de Cervo, isto non é un sinal de esperanza, xa que "agora mesmo, o feito de pechar as cubas de aluminio pode ser un sinal de pechar por completo; unha industria que leva máis de 40 anos aquí, unha industria que se caracteriza pola altísima calidade do produto que aquí se fai e polo seu capital humano, que hai pouco que foi renovado e case todos son novos. Amais, hai seis anos fíxose un investimento público importante para traer o gasoduto. Tamén é unha industria cunha localización perfecta".

O alcalde de Cervo considera que os problemas de Alcoa pode arranxalos o Goberno central "cunha solución moi fácil, poñéndolle cifras a un borrador do estatuto das empresas electrointensivas, que foi presentado polo propio comité de empresa ao Goberno do Estado".

"O nome da empresa dános igual, o que non pode é desaparecer esta industria da comarca. Por iso, se o prezo da enerxía e competitivo, se non é esta empresa, será outra a que siga fabricando aquí aluminio primario", aclara Alfonso Villares.

Noticias web

28/05/2020