CRTVG

Buscar

Chuvia, neve, frío e vento, temporal de norte a sur

Publicado o 14/11/2019 23:02

• O temporal deixa ondas de case 11 metros na costa da Coruña e Lugo

• A borrasca Cecilia causa numerosos estragos en Pontevedra

O primeiro gran temporal no mar deste outono deixou ondas de case 11 metros, tanto na costa de Lugo como na provincia da Coruña.

Na cidade herculina as ondas alcanzaron varios puntos do paseo marítimo. A forte ondada superou a barreira de area da praia de Riazor e mesmo alcanzou en varios puntos o paseo marítimo, que si permaneceu pechado aos peóns, pero non ao tráfico. As ondas obrigaron a pechar a circulación entre a Torre de Hércules e o castelo de San Antón. 

A forza do vento era patente en toda a comarca de Ordes. Protección Civil traballou arreo para retirar as árbores caídas na zona do tornado. A última hora xa non quedaban estradas cortadas, pero os seus efectos eran evidentes na parroquia de Poulo.

O 112 rexistrou numerosas incidencias, case duascentas, na provincia de Pontevedra durante a xornada. A alerta vermella na costa traduciuse nas Rías Baixas en refachos de vento por riba dos 100 km e picos de ondas de ata 15 metros de altura.

A borrasca Cecilia deixou un regueiro de incidencias na provincia de Pontevedra. Especialmente en Vigo, con forte vento que rompeu árbores, farois, cables e mesmo a iluminación do Nadal. Multiplicáronse imaxes de árbores arrincadas de raíz, coma a que caeu sobre un coche no Berbés ou outra en pleno paseo de Montero Ríos. Con todo, non se rexistraron danos persoais.

Aviso por neve na montaña luguesa

A de hoxe foi unha xornada de aviso laranxa que se deixou sentir con moita intensidade e a situación seguirá así nas vindeiras horas. Para o venres está decretado de novo o aviso por acumulación de neve, que se prevé que poida superar os 30 centímetros de espesor. Para evitar os desprazamentos en autobús nestas condicións, a Comisión Escolar de Alertas tomou a decisión de suspender a actividade lectiva en 15 centros educativos da montaña de Lugo.

As zonas de alta montaña da provincia de Lugo non se libran da borrasca Cecilia. A cota de neve móvese entre os 800 e os 1000 metros de altitude e os mercurios baixaron ata os menos tres graos nos Ancares. Os concellos de montaña están en aviso laranxa, segue nevando con intensidade e prevense acumulacións de neve que poden superar os 30 centímetros de espesor.

Aviso amarelo en Ourense

Dende a unha e media e ata as tres da tarde do xoves, a neve obrigou a Tráfico a embolsar camións na Gudiña ao decretarse o nivel amarelo na A-52 entre os quilómetros 112 a 130. 

Moito frío e vento, na montaña ourensá hai aviso amarelo por refachos que poden acadar os 100 quilómetros hora. A neve, por enriba dos mil metros de altitude pode acumularse ata dez centímetros. O aviso amarelo por neve continuará ata o mediodía.

Desbordamento dos ríos

Xa rematou o aviso por chuvia intensa na Coruña e Pontevedra e mantívose activo na Mariña, onde Protección Civil vixíaba o río Landro. Saíron do seu leito o Arnoia, en Baños de Molgas, e o Xallas, en Santa Comba. 

A fervenza de Castriz botaba auga con forza sobre o río Xallas. O mércores xa asolagou unha área recreativa e as leiras ao seu paso polo concello coruñés de Santa Comba. Aínda que na provincia da Coruña xa se desactivou a media tarde do xoves o aviso por fortes precipitacións, o servizo de Protección Civil de Santa Comba seguía vixiando o leito do Xallas.

 

Tráfico aéreo

O temporal tamén tivo efectos no tráfico aéreo. Houbo que desviar a Santiago dous voos con destino á Coruña e Vigo. Ademais dos voos desviados, outro que facía a ruta entre Madrid e Vigo a mediodía tivo que regresar ao seu destino. E cancelouse outro entre Madrid e A Coruña.

 

Temporal de frío

A de hoxe foi unha xornada de aviso laranxa que se deixou sentir con moita intensidade. En Pedrafita comezou a nevar de madrugada e seguiuno facendo de forma intermitente ao longo do día. A neve tamén fixo acto de presenza noutros moitos concellos da montaña e é que a cota baixou ata os 800 metros de altitude. De cara ás vindeiras horas a cousa non mudará moito. Para mañá, volve haber aviso laranxa por acumulación de neve e prevese que poida superar os 30 centímetros de espesor.

A provincia de Lugo foi das máis afectadas pola fría borrasca que motivou un nivel de alerta vermella na Coruña e Pontevedra por ondada e na montaña de Lugo e Ourense por neve.

Ás oito da mañá, a temperatura máis baixa de toda a Comunidade rexistrouse en Folgoso do Courel, con -0.9 º C, mentres que das estacións por enriba dos 900 metros fixo máis frío en  Xares, na Veiga, con -4.8 º C pasadas as nove da mañá.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2019