CRTVG

Buscar

Alerta por fortes precipitacións na Comunidade Valenciana

Publicado o 27/11/2020 14:09

Boa parte da costa mediterránea e as illas Baleares permanecen en alerta por tronadas e forte chuvia. Nalgunhas zonas do interior de Valencia esta mañá recolléronse máis de 50 litros por metro cadrado nunha hora e o concello da capital pechou os parques para evitar accidentes.

Desde primeiras horas da mañá chove con forza en moitas zonas da Comunidade Valenciana. As precipitacións máis importantes, que van acompañadas de tronos e sarabiadas puntuais, rexistráronse nas comarcas do interior.

En Requena recolléronse 80 litros por metro cadrado, 54 deles nunha soa hora. Na capital valenciana a treboada provocou retencións de tráfico nas principais vías da cidade e obrigou a pechar os parques para previr accidentes.

"Pensabamos que onte, como daban chuvia, non ía caer todo o que esperaban, e si esta caendo". "Moi pouco acostumados, si, pero é o que ten o outono, un día sol e outro chuvia".

A alerta laranxa ou amarela está activada en toda a comunidade valenciana ata a próxima medianoite.

Risco importante tamén de fortes precipitacións nas comarcas do pre-Pireneo xerundense e do sur de Tarragona, onde poderían caer ata 40 litros de chuvia por metro cadrado.

Noticias web

27/11/2020