CRTVG

Buscar

Alerta por chuvia, e neve en Lugo e Ourense pola chegada do primeiro gran temporal

Publicado o 13/11/2019 13:17

As previsións atmosféricas avisan da chegada do primeiro gran temporal do outono. Practicamente toda Galicia estará con aviso amarelo por chuvia. Nas montañas de Lugo e Ourense haberá vento forte e nevará. O peor estará no mar, en alerta vermella por ondas de máis de oito metros.

Se se cumpren as previsións, case toda Galicia estará mañá en alerta por algún fenómeno atmosférico debido á proximidade dunha borrasca moi fría. 

Diego Viaño Moure, 'O tempo' da TVG: "Por chuvia, en toda a provincia da Coruña e Pontevedra. Por refachos de vento, todas as comarcas galegas, con especial incidencia no litoral, onde os refachos poderían superar os 80-90 quilómetros por hora. Neve na montaña de Lugo e tamén na de Ourense con grosores de 15-20 centímetros. A curiosidade que nos deixa este primeiro gran temporal do outono é que a única comarca que neste momento non ten ningún aviso activado é a de Valdeorras".

A chuvia, o vento e o frío irán a máis nas próximas horas. No interior de Galicia, as dificultades pódeas causar a neve, sobre todo en zonas altas de Lugo.

Diego Viaño Moure, 'O tempo' da TVG: "Estamos na véspera do primeiro gran temporal do outono. Quizais a situación máis complicada se espera en toda a costa galega, onde á mañanciña se activará un aviso vermello polas ondas que provoca o mar de fondo. Haberá ondas de 9 metros de altura, de media, con picos superiores, e tamén vento do noroeste moi forte que pode acadar picos de forza 9, con especial incidencia pola tarde".

As previsións indican que o temporal na costa continuará o venres algo máis atenuado.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2019