CRTVG

Buscar

Alerta na comarca de Bergantiños pola aparición de casos da couza da pataca

Publicado o 05/12/2019 14:47

Ante a aparición dos novos casos da praga da couza, nas parroquias de Lendo e Caión, na Laracha, e Noicela, en Carballo, queda prohibida a plantación e o movemento a granel de patacas. Tamén se establecen zonas tampón nas parroquias situadas a carón das afectadas.

Os produtores de Bergantiños está preocupados. Atribúen estes casos ao factor humano. "A couza por ela soa non chegaría a Coristanco en sete ou oito anos, porque se move moi pouco. Por que podemos estar preocupados? Pola parte humana, porque alguén a pode mover de sitio", di Juan Ramón Sanjurjo, presidente da Asociación de Produtores de Pataca de Coristanco.

Coristanco segue, polo momento, libre da praga da couza guatemalteca. "Aquí hai trampas de detección e non apareceu", explican.

O sector mostra a súa preocupación polo movemento das patacas nas feiras, onde o control é menor. Na de Carballo, algúns vendedores da zona compartían o temor de que a praga se estenda. "Estamos preocupados porque se non podemos plantar... É o noso, nós alí o que producimos máis é a pataca, que outra cousa non temos", di unha das vendedoras do mercado en Carballo. "E, se chega esa praga, estaremos sen elas, comeremos papas, se as hai", engade outro vendedor.

Pero hai moito en xogo. Por iso, os produtores profesionais piden que se reforcen a información e os controis. "Nós somos os primeiros que temos que controlar os nosos produtos. Temos que ser responsables da nosa produción e da nosa xestión de pragas. Para iso é moi importante a información e a concienciación", explica Juan Ramón Sanjurjo.

Nos municipios de Bergantiños din que agora é fundamental avaliar como son os focos, como se demarca a zona de protección e colaborar para lograr unha maior eficacia das medidas. A presenza desta praga ten graves consecuencias. Entre outras cousas, prohibe o cultivo na zona afectada durante un período de dous anos.

 

Noticias web

05/12/2019