CRTVG

Buscar

Alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

Publicado o 20/11/2019 11:33
Alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra. 

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indica que o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa afecta todo o litoral das provincias da Coruña e Pontevedra con ondas de catro a seis metros, por mar combinado do oeste-noroeste. 

Recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Por iso, a Vicepresidencia da Xunta aconsella evitar aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e xanelas.

A Xunta tamén aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.   

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí