CRTVG

Buscar

Alerta amarela en Lugo e Ourense por pedrazo e aparato eléctrico

Publicado o 23/07/2019 16:48

A imaxe desta mañá pouco tiña que ver coa das xornadas anteriores. A estabilidade despedíase pouco a pouco deixando unha situación atmosférica complexa con fenómenos moi locais. O único que se mantén por agora son as temperaturas mínimas.

Ana Lage, meteoróloga, di o seguinte: "Trátase dun xogo desas néboas que por momentos se retiran un pouco máis cara ao mar pero noutros momentos entran cara o interior. Con este aumento da humidade as temperaturas xa non acadarán os valores tan altos que tiveron onte".

A inestabilidade volverá ser máis intensa no interior da comunidade, aínda recuperándose destas imaxes rexistradas hai un par de semanas. A partir do mediodía, Meteogalicia ten activadas alertas amarelas en Lugo e Ourense por chuvias localmente fortes que poderán vir acompañadas de pedrazo e aparello eléctrico. Nas montañas destas dúas provincias, Aemet eleva esta alerta ao nivel laranxa.

"Xa pola mañá houbo chuvascos treboentos. Levamos máis de 200 raios rexistrados no día de hoxe, pero as tormentas máis intensas daranse no interior da comunidade pola tarde", asegura Ana Lage.

A medida que avance a semana, o anticiclón seguirá afastándose da nosa comunidade, aínda que, se se cumpren as previsións, mañá non haberá auga que consiga ensombrecer os fogos do Apóstolo.

"En principio para a noite dos fogos do Apóstolo non agardamos chuvia pero si para o día seguinte, haberá algunha precipitación feble", afirma a meteoróloga.

De cara á fin de semana, podería recuperarse parte da estabilidade de novo, continuando cos cambios que están a marcar o verán.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/07/2019

Máis sobre Concellos