CRTVG

Buscar

Alemaña, A China, Portugal... Segue a preocupación polos rebrotes en varios países

Publicado o 19/06/2020 13:12

Os rebrotes detectados nunha ducia de países preocupan as autoridades sanitarias e alertan da necesidade de non relaxar as medidas para evitar contaxios.

O brote detectado nun matadorio do oeste de Alemaña alenta o temor a unha recaída nunha Europa en plena desescalada.As autoridades do estado federado alemán de Renania do Norte-Westfalia encargaron unha investigación especial para determinar como xurdiu o brote detectado nun matadoiro local con 750 contaxiados.

Nove mil residentes que viven nas proximidades do matadoiro quedaron confinados e pecháronse escolas e garderías.

No país onde se orixinou a pandemia, os científicos chineses sinalan a Europa como orixe da cepa de coronavirus que provocou máis de 180 contaxios nun mercado de Pequín e obrigou a illar varias áreas residenciais da capital.

En Bolivia, os traballadores sanitarios protestan pola falta de material de protección para facer fronte á pandemia que causou xa 20.000 contaxiados e máis de 600 mortos no país andino.

"Temos desgastada a nosa roupa de traballo, temos roupa que estamos reutilizando e iso vai en desmedro da nosa integridade e o da poboación", asegura un deles.

Portugal volveu superar os 300 contaxios nun día, a maioría deles en Lisboa, e vixía os novos brotes detectados en dúas residencias de maiores e un centro oncolóxico da capital.

Noticias web

19/06/2020