Alcoa e o fondo Parter Capital asinan un principio de acordo para vender as plantas da Coruña e de Avilés
• Deixan a decisión en mans dos traballadores
• Os traballadores rematan o peche na Delegación do Goberno
• A Xunta pide un prezo competitivo da electricidade
Alcoa e o fondo suízo Parter Capital asinaron un principio de acordo para vender as plantas da Coruña e de Avilés, co compromiso de manter o cen por cento dos postos de traballo. Agora deixan a decisión final nas mans dos traballadores.
Alcoa e Parter Capital teñen todo pechado para facer efectiva a venda das plantas da Coruña e de Avilés. O fondo suízo non fará despedimentos durante os próximos 24 meses, e está disposto a reactivar as cubas de electrólise e volver a fabricar aluminio primario nas dúas factorías se o prezo da enerxía se abarata. Con este preacordo, o Goberno dá por concluído o seu cometido, e déixalles a decisión última aos traballadores.
Raúl Blanco, secretario xeral de Industria en funcións: "Estivemos loitando durante os últimos meses por unha solución integral para as dúas plantas. Esta oferta dá resposta, e agora os traballadores decidirán se optan por ela ou prefiren o plan social pactado con Alcoa".
Desde o ministerio non concretan prazos, pero aseguran que traballan para fixar un marco enerxético estable que garanta o futuro das plantas a longo prazo.
Raúl Blanco, secretario xeral de Industria en funcións: "Nós o que dixemos é que imos traballar para que o prezo da enerxía sexa competitivo, e para que se poida facer ese arranque das cubas e o resto de actividades".
O preacordo presentaráselles aos traballadores o próximo xoves, cando se volverá reunir a mesa de seguimento.