CRTVG

Buscar

Alcoa di que o estatuto electrointensivo non fai viable a produción de aluminio

Publicado o 21/02/2020 12:42
Alcoa di que o estatuto electrointensivo non fai viable a produción de aluminio

A multinacional estadounidense Alcoa, que posúe a única planta produtora de aluminio en España, en San Cibrao, manifestou que "a produción de aluminio primario en España segue sendo inviable coas medidas que propón o proxecto" de estatuto do consumidor electrointensivo.

Nun comunicado, Alcoa, que xa se desprendeu das plantas que tiña en Avilés e A Coruña polos investimentos que requirían e polo elevado prezo da enerxía en España, indica que o estatuto proposto polo Goberno non permite obter un prezo competitivo para producir aluminio primario en San Cibrao.

Ademais, a empresa, que presentou alegacións ao proxecto de real decreto, sinalou que a aplicación desta norma é "incerta e non está asegurada nin para 2020 nin para anos posteriores".

A produción de aluminio primario en non será viable sen un marco regulatorio competitivo, que garanta un prezo de electricidade final inferior aos 35 euros/megawatt hora (MW/h) a longo prazo, segundo a multinacional.

Aínda nesas circunstancias, a viabilidade estaría condicionada á evolución dos mercados globais, como os do aluminio, da alúmina ou o cambio euro/dólar.

Subliña que o prezo do aluminio primario se fixa en mercados internacionais, do mesmo xeito que o prezo das principais materias primas utilizadas no proceso, a excepción do prezo da electricidade, que se determina en cada país e é resultado do mercado e a regulación aplicable.

Segundo Alcoa, o prezo da electricidade en España é, por tanto, "o factor diferencial que marca a competitividade nun mercado global da produción de aluminio primario".

Este custo da electricidade representa o 45 % do total dos custos de produción de aluminio primario na planta de San Cibrao, segundo a compañía, e apunta que entre 2018 e 2019 a planta de San  Ciprián xerou perdas operativas, que se prolongarán en 2020, que atribúe fundamentalmente ao incremento do prezo da electricidade.

O prezo incrementouse desde unha media de 35 euros/MWh no período 2013-2017 ata unha media de case 50 euros/MW hora durante o período 2018-2019, é dicir un 40 %, segundo os datos facilitados pola multinacional.

A planta de Alcoa en San Cibrao, na actualidade a única produtora de aluminio primario en España, está operativa desde 1980 e forma parte dun complexo industrial integrado, composto por unha refinería de alúmina, unha planta de aluminio e un porto en concesión de uso exclusivo. Fabrica unha ampla variedade de produtos de valor engadido destinados aos sectores de construción, automoción e industria, en xeral, para os mercados español e europeos, principalmente.

No complexo operan 1.150 traballadores directos e hai máis de 500 de empresas contratadas, ademais de 5.000 empregos indirectos vinculados na zona, e a súa actividade supón o 32 % do PIB xerado na provincia de Lugo, segundo a multinacional.