CRTVG

Buscar

Alcoa decide estender o período de consultas do ERE "para chegar a un acordo"

Publicado o 08/07/2020 14:16

A Mariña reivindicou cunha cazolada o mantemento da actividade e do emprego en Alcoa. A multinacional di que é inviable malia o plan industrial presentado polo Goberno. O comité de empresa, tras a xuntanza co secretario de Industria, di que o Executivo se compromete a facilitar un prezo da enerxía de entre 25 e 35 euros por megavatio/hora vindulado a un plan de viabilidade a 10 anos.

Alcoa non cede. O único é que agora se abre a ampliar máis alá do 24 de xullo o período de consultas se hai avances significativos e posibilidade de acordo, e suspende a xuntanza prevista para este xoves.

O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, enviou unha mensaxe a todos os empregados da multinacional en San Cibrao para informar de primeira man ao persoal da predisposición da empresa para "estender de mutuo acordo o período de consultas" entre as partes, que en principio estaba limitado a só trinta días.

Nesa mensaxe, precisa en todo caso que esa prolongación do período de consultas producirase se "chegado o momento, producíronse os avances oportunos e fosen precisas novas reunións para chegar a un acordo".

Ademais, informa de que, por parte da dirección da multinacional, propúxose "manter tres reunións máis dentro dos 30 días do período de consultas", aínda que a que estaba prevista para mañá quedou finalmente suspendida.

En canto a esas tres reunións, precisa que poderán ser presenciais ou por videoconferencia, ou "mesmo con medios telemáticos individualizados se eles así o desexan" sempre "respectando escrupulosamente todas as medidas hixiénico-sanitarias e de distancia regulamentarias".

A empresa afirma que esas reunións "son moi importantes para continuar o diálogo durante as consultas, co fin de profundar nos asuntos para tratar e lograr o mellor resultado posible para ambas as partes".

Insiste, ademais, en que "non se adoptará ningunha decisión definitiva ata que conclúa ese período de consultas".

Comité de empresa: "Se Alcoa non vende, non queda outra que a intervención"

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, asegurou antes de coñecerse a ampliación do período de negociación, que "se Alcoa non vende" a planta de aluminio primario da Mariña, "non queda outra que a intervención" pública da factoría para garantir que non se perda a produción e, consecuentemente, os postos de traballo.

Desde o seu punto de vista, se Alcoa se nega a vender a planta mariñá, "o Goberno ten que demostrar que é verdade que ten un comprador e un socio enerxético" para darlle viabilidade á fábrica de aluminio primario e "actuar en consecuencia".

Nese sentido, chegados a ese punto, opina que non queda outro camiño que a intervención, porque o Goberno non pode "dobregarse ante a multinacional".

Segundo o presidente do comité, "o PP, Podemos e o BNG" xa se pronunciaron a favor da intervención, polo que agora é a quenda "do PSOE, que diga que vai facer, ou si ou non, non hai máis".

José Antonio Zan dixo que "o PSOE é o único" partido que "non se pronunciou" e agora ten que aclarar que está disposto "a facer" desde o Goberno.

Por outra banda, Zan cualificou como "un éxito" as cazoladas que onte comezaron na comarca da Mariña e que se prolongarán ata que haxa unha solución para Alcoa todos os días ás 22:00 horas.

O Executivo galego insiste en que o Goberno de España ten a chave para darlle unha solución á factoría. O conselleiro de Industria advirte de que "hai 534 familias que están esperando por unha decisión do Goberno: ou unha concreción do prezo eléctrico ou unha intervención. E lamentablemente o Goberno nin concreta o prezo eléctrico nin establece as condicionantes para garantir esa intervención que deba garantir a viabilidade de Alcoa", dixo Conde. A Xunta segue esixindo a retirada do ERE.