CRTVG

Buscar

A Mariña maniféstase para evitar "un deserto industrial" na comarca sen Alcoa

Publicado o 23/06/2020 08:34

Hoxe reúnese a mesa multilateral, con representantes da empresa, os traballadores, a Xunta e o Goberno, a dous días de que Alcoa formalice máis de 500 despedimentos | O Goberno aproba este martes o fondo electrointensivo

Hoxe reúnese, vía telemática, a mesa multilateral de Alcoa. Os tres sindicatos con representación no comité de empresa da factoría vanlle esixir ao Goberno central que poña solucións enriba da mesa ao proceso de despedimento colectivo que a multinacional anunciou que vai iniciar o vindeiro xoves para 534 traballadores.

Unha marcha multitudinaria percorreu este luns ao serán as rúas de Burela para reclamar un futuro industrial para A Mariña. A tres días de que a empresa formalice os máis de 500 despedimentos da fábrica de aluminio, volvían reclamarlle ao Goberno central un marco enerxético competitivo que garanta o futuro da planta.

Loitan a brazo aberto contra a, ata o de agora, inflexible decisión de Alcoa de pechar, ou deslocalizar, a única fábrica de aluminio primario que resiste en España. UXT, CCOO e CIG, os tres sindicatos con representación no comité de empresa da factoría que a multinacional americana posúe en San Cibrao, tomaron este luns a rúa.

Un futuro para A Mariña é o que pediu a multitude que este luns secundou unha marcha que partiu do hospital público de Burela. Todos os participantes, cadros de persoal de Alcoa e das auxiliares incluídos, reclamaron unha resposta inmediata que free a sangría económica e laboral que padece unha comarca en xaque, cuxas demandas, denuncian, non foron atendidas e continúan enquistadas.

Á crise da pesca, do agro, do inmobiliario e da construción, séguea agora a da siderurxia, claman, e por iso esta acción reivindicativa atacou duramente a Alcoa por aproveitar unha vivencia excepcional, co consecuente prezo do aluminio á baixa, para anunciar o inicio formal, o vindeiro xoves, do período de consultas do ERE de despedimento colectivo de 543 traballadores.

Moitos locais pecharon antes da súa hora habitual para poder estar presentes nesta cita encabezada polas pancartas "Pola industrialización da Mariña" e "A Mariña sálvase loitando".

O secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, desprazado a Galicia para poder estar presente nesta protesta, mostrou nunha conferencia de prensa previa o seu convencemento de que a opinión pública española "non vai perdoar" nin a Nissan nin a Alcoa a "desvergoña" de utilizar unha situación de mercado "que é de hoxe, que non foi onte e que non vai ser mañá" para tratar de "coar pola porta de atrás" un peche”. “Aproveitar os datos económicos para tentar xustificar o que non é xustificable raia a mala fe”, destacou en varias ocasións ao longo dunha xornada que iniciou en Viveiro e rematou en Burela.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, insistiu en que "estamos na conta atrás" e pediu activar os mecanismos para unha intervención pública que evite un "deserto industrial".

O complexo industrial de San Cibrao, asentado entre os municipios de Xove e Cervo, na Mariña occidental, está composto por unha fábrica de aluminio e unha planta de alúmina, que empregan 633 e 510 persoas, respectivamente, e o seu peso na economía local é de tal envergadura que representa un terzo do produto interior bruto (PIB) da provincia de Lugo.

Alcoa comunicou a súa intención de iniciar o 25 de xuño un proceso formal de consultas para o despedimento colectivo nas súas instalacións de aluminio en San Cibrao (Lugo). A negociación durará un mes. A factoría, informou a dirección nun comunicado, afronta unha serie de problemas que fixeron que a produción de aluminio primario sexa “ineficiente” e a operación da planta non resulte “competitiva”, e que causaron “significativas perdas recorrentes, que se prevé que continúen”.

Alcoa expón unha reestruturación da planta de aluminio, que continuaría operando unha parte da fundición, mentres que a produción na refinería, segundo a nota, non se vería afectada polo proceso. O comité convocou para este xoves, a partir das 12:00 horas, unha concentración de protesta ante a Subdelegación do Goberno, en Lugo.

Está prevista tamén para o domingo unha caravana de vehículos que partirá pola mañá de diferentes municipios mariñaos e se desprazará ata a capital lucense. Mañá é a reunión telemática da mesa multilateral con sindicatos, empresa, Xunta e Goberno.

O Consello de Ministros aprobará este martes o fondo de reserva de garantía para que consumidores electrointensivos subscriban contratos de compravenda de enerxía a medio e longo prazo, que estará dotado con 600 millóns de euros no seus primeiros tres anos de vida.

Este fondo é unha das medidas de apoio ás empresas industriais con gran consumo de electricidade recollidas no borrador do estatuto do consumidor electrointensivo, e a súa finalidade é regular a cobertura por conta do Estado dos riscos que adquiran empresas electrointensivas nas operacións de compra de enerxía a medio e longo prazo.

Noticias web

23/06/2020