CRTVG

Buscar

Alberto Varela, presidente da FEGAMP: "Os veciños son os principais prexudicados pola falta de financiamento das administracións locais"

Publicado o 12/12/2019 10:13

A finais do pasado mes de novembro, o socialista Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía, foi elixido por unha amplísima maioría presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. Estar ao temón do municipalismo é unha grande oportunidade con moitos retos.

"A principal queixa dos alcaldes é a falta de financiamento, porque, ademais, temos que lidar con competencias impropias que se non podemos executar os principais prexudicados son os cidadáns".

"A FEMP está traballando para mellorar a distribución dos recursos entre administracións locais, ten en conta, por exemplo, a dispersión xeográfica".

"O noso interlocutor frecuente é a Xunta. O que se demanda é que a distribución dos fondos non sexa discrecional. Un exemplo sería a Deputación de Pontevedra: os concellos son os que deciden as súas prioridades para destinar os fondos. Ademais, hai queixas de discriminación dependendo da cor política da administración".

"Abel Caballero, como presidente da FEMP, é un abandeirado de que se poida empregar o superávit no que decidan os concellos. Estamos avanzando co Goberno central na liberdade para decidir en que gastamos ese superávit".

"Hai competencias que non nos corresponden e outras que compartimos con outras administracións, como é o caso dos colexios".

"Establecer unha sociedade con tres partes para asumir o saneamento e abastecemento de auga en terzos entre Xunta, Deputación e concellos. Non se pode pretender que os concellos asuman a maior parte dos fondos e Santiago leve a dirección. O proxecto da auga da Xunta non ten visos de saír adiante, pola oposición maioritaria dos concellos e deputacións".

"As fusións entre concellos teñen que ser voluntarias. As mancomunidades de servizos están funcionando nalgúns lugares".




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/12/2019