CRTVG

Buscar

Alarma por unha segunda vaga de coronavirus no mundo

Publicado o 03/08/2020 13:07

Xa son máis de 18 millóns as persoas contaxiadas de coronavirus no mundo. Nos Estados Unidos os expertos alertan de que o país entrou nunha nova fase da epidemia que se propaga de xeito extraordinario.

En Australia, as autoridades tratan de frear unha nova vaga de coronavirus en Melbourne, onde decretaron o toque de queda. As rúas estaban practicamente baleiras esta mañá. Case non había rastro dos cinco millóns de persoas que residen na cidade que permanece confinada desde principios de xullo. Pero as autoridades admiten nin así se están a lograr os resultados agardados, polo que decidiron adoptar novas restricións. Desde hoxe entra en vigor o toque de queda nocturno na cidade e declarouse o estado de desastre en todo o estado de Vitoria, onde se rexistran 11.000 dos 18.000 contaxios que hai no país.

As alarmas saltaron tamén nos Estados Unidos, onde os expertos aseguran que o que se está a ver agora é moi diferente ao que se viu nos meses de marzo e abril no país. A epidemia, alertan, entrou nunha nova fase de expansión extraordinaria que está a afectar tanto zonas rurais como urbanas dos Estados Unidos.  O país superou os 154.000 mortos, o máis castigado por unha pandemia que deixa xa máis de 18 millóns de contaxiados en todo o mundo.

Deles, máis de 300.000 no Reino Unido onde, segundo varios medios, o Goberno avalía a posibilidade de illar persoas que estean en risco e mesmo pechar Londres para evitar unha segunda vaga de coronavirus.

Noticias web

03/08/2020