CRTVG

Buscar

Agrávase a crise no Goberno de Ourense tras a dimisión do voceiro municipal

Publicado o 31/08/2020 17:29

O Concello de Ourense continúa coa súa crise aberta tras producirse a dimisión de Miguel Caride como portavoz municipal de Democracia Ourensana (DO), por mor das disputas internas rexistradas nos últimos días entre un grupo de cinco edís críticos e o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, por presuntas irregularidades financeiras no seo do partido.

Esta medida coincide coa renuncia formal do concelleiro de Cultura, Mario González, feita pública esta mesma mañá, nun céntrico hotel da cidade. O ata o de agora portavoz municipal de Democracia Ourensana ( DO), Miguel Caride, confirmou a súa renuncia desta función froito das “discrepancias” internas xurdidas dentro do partido aínda que aclarou que, polo momento, mantén intactas as súas atribucións de concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Transporte.

Precisamente, o propio consistorio ourensán informaba no día de hoxe do nomeamento do seu número dous e persoa de confianza, Armando Ojea Bouzo, como novo portavoz municipal do grupo municipal DO. Nun comunicado, o Goberno local ratificou a “destitución” de Caride e o nomeamento de Pjea, concelleiro de Recursos Humanos e vicepresidente da deputación provincial, como novo portavoz do grupo de goberno.

A crise aberta dentro do partido evidenciábase esta mañá tamén coa saída de Mario González do Goberno municipal. Nunha conferencia de prensa en que non admitiu preguntas sobre a situación interna do partido, o ex-concelleiro de Cultura do Concello de Ourense, Mario González, xustificou a súa saída que, segundo aclarou, xa "tiña apalabrada co alcalde” con carácter previo á ruptura interna en Democracia Ourensana por discrepancias que estarían relacionadas coa política en materia cultural. "Esta xa non é a miña guerra", resolveu o xa ex-concelleiro ourensán, quen deixou claro que “Ourense non merece isto”.

Durante a súa intervención, puntualizou que, cando asumiu o seu cargo,tiña claro que o seu obxectivo era “facer unha xestión cultural, non veño facer política” ata o punto de asegurar que vivía "á marxe do que se movía no Concello" e que "estaba totalmente desconectado" porque el non era "das persoas que quedaban tomando café”.

Con todo, defendeu o seu apoio á denuncia presentada ante a Fiscalía contra Jácome polas supostas irregularidades por recomendación dos seus avogados para “protexerse” e evitar o seu "desfile polo xulgado” se o día de mañá hai algunha investigación. Por último, recalcou que sae sen intención de “botar merda a ninguén” á vez que agradeceu o apoio de toda “a xente con quen compartiu todo este tempo”. En canto ás críticas daqueles que pensan que chegaron ao consistorio por diñeiro, aclarou que “traballase gratis” porque "me gusta a cultura”. Nesta liña, lembrou que non ten dedicación exclusiva e que renunciou a ir a xuntas durante a pandemia cumprindo o confinamento. 

Noticias web

31/08/2020