CRTVG

Buscar

Agosto despídese con festas de norte a sur e de leste a oeste

Publicado o 30/08/2019 17:37

Ribadavia volve á Idade Media ca súa Festa da Istoria. O centro histórico transfórmase e a xente disfrázase ca vestimenta da época para desfrutar da música medieval, do mercado e das numerosas actividades lúdicas que agocha esta viaxe O pasado. A viaxe á Idade Media resulta tan auténtica que a moeda que se emprega ese día é o maravedí, a que empregaban na antigüidade.

De Ribadavia imos a Valga, que xa leva uns días de festa. A Festa da Anguía e a Mostra da Augardente do país congrega numerosas persoas, as que poderan degustar augardente e anguías e deleitarse coas variadas actuacións musicais que amenizarán as xornadas. Este ano a festa rematará cun espectáculo de fogos de artificio.

E se o que lles apetece é unha boa tapa de callos, teñen unha cita en Salceda de Caselas. O domingo celebrarase unha festa gastronómica en recoñecemento á tradición que teñen os callos neste municipio pontevedrés. Na xornada non faltarán os xogos populares e a música. Pero isto non é todo, tamén se celebrará unha Feira Agroecolóxica e de Artesanía.

A nosa última proposta tamén é gastronómica, e que mellor que unha tapa de polbo na Illa de Arousa. Os asistentes poderán degustar este manxar nas súas distintas variedades, como polbo a vinagreta, con fabas, en empanada, á feira, e principalmente polbo á illa, cunha salsa a base de cebola e pemento.

Así que xa saben, se non teñen ningún plan para esta fin de semana, calquera destas festas é unha boa opción.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/08/2019