CRTVG

Buscar

Agora si: o venres chega o bo tempo a toda Galicia

Publicado o 30/06/2020 14:13

Acaba un mes de xuño máis frío e chuvioso do normal en Galicia e xullo tamén empeza mal, xa que mañá e pasado se prevén orballos e temperaturas baixas. Pero a situación cambia a partir do venres, grazas a un anticiclón que traerá sol e calor. 

A xornada solleira que despide o atípico e frío mes de xuño dá paso mañá, primeiro de xullo, a unha fronte pouco activa que vai deixar orballos e nubes en toda Galicia, especialmente na costa. Pola tarde abriranse claros, pero en xeral o día vai ser frío.

"As temperaturas baixaran de xeito notable con respecto ás de hoxe. Hai localidades en que baixarán ata dez graos", dinos a meteoróloga Ana Lage.

Tamén pasado mañá será un día gris e húmido, e o venres chega o bo tempo a toda a comunidade.

"Imos cara a unha influencia anticiclónica sobre Galicia, tempo seco e soleado e temperaturas en ascenso, que irán subindo a fin de semana e os vindeiros días da próxima semana. Acadaranse valores propios da época do ano, e en moitos puntos de Galicia achegaranse aos 30 graos", adianta Lage.

Entre a incerteza que xera o tempo e o medo á Covid-19, moitos prefiren pasar as vacacións en Galicia.

Non hai unha predición meteorolóxica fiable para todo o mes, pero se se mantén o patrón do ano pasado, en que xuño tamén foi malo, pódese esperar un xullo cálido.

 

Noticias web

30/06/2020