CRTVG

Buscar

Ferido moi grave un home por queimaduras debido a un incendio nunha casa en Santiago

Publicado o 20/09/2019 20:58

A alerta dérona varias persoas que chamaron a Emerxencias ao ver unha gran columna de fume saír dun inmoble do céntrico barrio de Sar en Compostela. Quedaban escasos quince minutos para as doce do mediodía. Controlar o incendio que, previsiblemente, se orixinou na planta baixa da casa, levou tres horas , oito efectivos de bombeiros e tres camións.

José Antonio Gigirey, cabo de Bombeiros de Santiago de Compostela cóntanos que lles custou "bastante traballo apagalo, estaba en varias plantas , era difícil acceder ás dependencias porque o chan estaba queimado e desfacíase e non puidemos acceder por alí, un pouco complicado".

No interior da vivenda estaba un home duns 50 anos que quedou ferido con queimaduras graves e que, supostamente, podería vivir na casa pese a que o inmoble, maioritariamente de madeira, xa antes do incendio presentaba un gran nivel de deterioración. "Vin que estaban aquí tres camions de bombeiros e unha ambulancia medicalizada. E escoitei, non sei se é verdade ou non que había un veciño que se queimou bastante", di un veciño. Outro home que traballa enfrente di que " despois de empezar a traballar empezaron a ulir a fume e que saíron e xa viron o incendio".

Esta tarde un retén dos bombeiros aínda continuaba arrefriando o lugar para apagar posibles brasas . O incendio produciuse por causas que aínda se descoñecen e que investigan bomberos e policía.




Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí