CRTVG

Buscar

Adif pide catro anos para o maquinista do Alvia por imprudencia grave

Publicado o 20/02/2019 09:22
Adif pide catro anos para o maquinista do Alvia por imprudencia grave

O avogado do Estado, en nome de Adif, pide catro anos de prisión para o maquinista que conducía o tren Alvia sinistrado en xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois, onde morreron 80 persoas e 144 quedaron feridas.

Nun escrito ao que tivo acceso Europa Press, o avogado do Estado, con data do pasado 7 de xaneiro, reclama apertura de xuízo oral e solicita tamén para Francisco Garzón inhabilitación especial para o exercicio de profesión por un período de seis anos.

Ademais, pide que o procesado indemnice a Adif con case 1,39 millóns de euros, "a que ascenden os danos e danos que sufriu a infraestrutura ferroviaria". 

O avogado do Estado relata que o maquinista "non iniciou a freada nin reduciu a velocidade" e refire os "100 segundos que durou a conversa telefónica", cando "levaba en cabina a documentación regulamentaria".

Adif sinala que, co seu escrito de acusación, "limítase" a defender os seus "intereses e patrimonio". 

O xuíz que instrúe o caso ditou auto de peche en decembro con dous imputados: o maquinista e o ex-xefe de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte. A ambos atribúelles 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave, ao primeiro por circular cun exceso de velocidade ao chegar á curva despistado por unha chamada do interventor e ao segundo por unha deficiente análise de riscos na liña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/02/2019