CRTVG

Buscar

Adeus á primeira muller medallista de España

Publicado o 04/09/2019 18:55

Confesaba que non lle gustaba esquiar nin pasar frío. Pero a tenacidade e o sacrificio fixeron que Blanca Fernández Ochoa se convertera nun dos grandes referentes no mundo do esquí. Con este descenso, nos Xogos de Albertville de 1992, Blanca conseguiu a medalla de bronce. Converteuse así na primeira muller española laureada nunhas olimpíadas. E aínda hoxe é a única que gañou unha medalla nuns xogos de inverno.

Este éxito de Blanca non collía a ninguén por sorpresa. Catro anos antes, Nas olimpíadas de Calgary, en 1988, Blanca rozara xa a gloria olímpica. Foi a mellor na primeira manga, pero na segunda perdeu o control do esquí interior e caeu. As bágoas de Blanca víronse en directo en millóns de fogares de todo o país. Blanca tiña pensado retirarse despois destes xogos. Pero a familia, os amigos e o propio presidente do Comité Olímpico Internacional convencérona para seguir.
Entre os seus apoios incondicionais, o do seu irmán Paquito Fernández Ochoa, único español que conseguiu unha medalla de ouro nuns xogos olímpicos de inverno. Foi no ano 72, en Sapporo. Daquela a esquiadora tiña só 9 anos e Paquito era o seu gran referente.

Blanca estivo 10 anos na competición de elite. Ninguén nacido en España igualou aínda os vinte podios na Copa do Mundo que conseguiu na súa carreira. Despois, acabou deixando o esquí e incluso renegando del por impedirlle vivir unha vida de nena normal. Blanca vaise tras unha vida de moito traballo, triunfos e de gañar o respecto e o cariño da xente.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/09/2019