CRTVG

Buscar

Desactivan a alerta por proximidade a casas no incendio en Porto do Son

Publicado o 21/07/2020 23:04
Desactivan a alerta por proximidade a casas no incendio en Porto do Son

Esta tarde declarouse un incendio en Porto do Son, nas inmediacións da praia da Aguieira. En concreto, o incendio localízase na parroquia de Nebra e iniciouse ás 16.51 horas.

O incendio forestal afectou unha superficie estimada de 30 hectáreas de terreo aínda que se solicitou a desactivación da alerta ante a evolución positiva do control do lume.

Segundo informa a conta de Twitter '@Incendios085', pasadas as 22.30 horas solicitouse a desactivación da 'situación 2' que se activou ante a proximidade das chamas ao núcleo de Queiro, na parroquia de Nebra.

Polo momento participaron nas tarefas de control sete helicópteros, seis avións, cinco motobombas, dúas pas, once brigadas e cinco axentes. 

Trátase da primeira vez nesta campaña de incendios que a Xunta decreta esta medida de alerta ante a proximidade de incendios a núcleos habitados.

Outros dous incendios en Padrenda e A Gudiña

Ademais, outros dous incendios forestais permanecen activos na tarde deste martes. O primeiro afecta á parroquia de San Lourenzo de Pentes, na Gudiña (Ourense), e está controlado desde as 20.04 horas.

Este lume iniciouse ás 17.28 horas e afectou 10 hectáreas. Os medios despregados na zona son un helicóptero, tres avións, tres motobombas, cinco brigadas e tres axentes.

O incendio de Padrenda (Ourense), na parroquia de Crespos, conta con tres focos e iniciouse ás 15.20 horas. Atópase estabilizado desde as 19.48 horas e as primeiras estimacións cifran a superficie afectada entre tres e cinco hectáreas.

Traballan na súa extinción catro helicópteros, tres avións, catro motobombas, once brigadas e dous axentes.