CRTVG

Buscar

Activan na ría de Arousa o plan anticontaminación por unha mancha de fuel

Publicado o 13/10/2020 22:35
Activan na ría de Arousa o plan anticontaminación por unha mancha de fuel

Fonte: @DelGobGalicia

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, está a supervisar os traballos de contención e limpeza dunha mancha de fuel do tamaño duns 15 campos de fútbol detectada arredor das dúas da tarde deste martes polo avión de Sasemar 102 cando se atopaba en fase de recoñecemento.

Con motivo deste episodio de contaminación, o Mitma, sinala un comunicado remitido á prensa, activou o Plan Marítimo Nacional de resposta ante a contaminación mariña, en fase de emerxencia 1.

Fíxoo, indica a nota, en coordinación coa Delegación do Goberno en Galicia, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Autoridade Portuaria e a Xunta, que tamén activou un plan de emerxencia de nivel medio tras a detección da mancha, que mide arredor de 1.500 por 400 metros e atópase próxima á ría de Arousa, entre Ribeira e a illa da Rúa.

No operativo están a intervir buques contratados pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía e efectivos de Salvamento Marítimo, coordinados polo responsable do Centro de Salvamento, que se atopa na zona afectada a bordo da Salvamar Sargadelos. A este operativo súmase o buque de salvamento Don Inda.

Está a procederse á instalación de medidas de contención e desenvolvendo traballos de limpeza na zona afectada co obxectivo de que a mancha non chegue á costa.

Ao mesmo tempo, Capitanía Marítima está a investigar a posible orixe do derramo mediante a análise da mancha, a súa localización e tipoloxía. Durante a noite manterase o dispositivo de limpeza na zona e renovaranse as operacións de recollida ao amencer. 

A Xunta, a través de Gardacostas, activou de plan de contaminación mariña (Camgal) no nivel medio de emerxencia. Como medida preventiva, o Intecmar decretou o peche cautelar do único polígono de bateas que estaba aberto na zona (o Ribeira B).