CRTVG

Buscar

Acordo no Parlamento para que os colexios galegos non obriguen as nenas a levar saia

Publicado o 21/11/2018 18:14
Acordo no Parlamento para que os colexios galegos non obriguen as nenas a levar saia

Todos os grupos do Parlamento de Galicia chegaron a un acordo para que, a partir do próximo curso escolar, a Xunta implante "todas as medidas pertinentes" para evitar que os colexios con uniforme obriguen as nenas a usar saia de forma que esta sexa unha opción que as propias alumnas elixan.  As catro forzas da Cámara galega sumáronse a unha iniciativa proposta por En Marea, que pedía instar a Xunta a impedir que os colexios contemplen esta peza como unha obriga para as nenas e que estas poidan decidir con "liberdade" se a usan ou optan polo pantalón para acudir ao centro escolar.

"A eliminación de obstáculos para alcanzar a igualdade tamén pasa pola eliminación da vestimenta diferenciada nos centros escolares", manifestou a deputada Luca Chao durante a defensa da iniciativa o martes, xornada en que asegurou que o uso da saia pode condicionar a "liberdade de movemento" das nenas.  

Neste senso, aínda que recoñeceu que a mellor opción sería un "uniforme único", pediu que a Xunta impida que os colexios poidan incluír un código de vestimenta diferenciado por razón de sexo.

"Estamos a ensinar ás nosas fillas nos colexios a ser guapas antes que felices, queremos nenas felices que xoguen nos patios, que sexan libres e donas de si mesmas", expresou.

Á proposta de En Marea avanzaran xa o martes o seu apoio tanto o BNG como o PSdeG. Así, en primeiro lugar, a deputada nacionalista Olalla Rodil mostrou o seu apoio a esta petición e considerou, ademais, que o primeiro para "promover a igualdade real e efectiva" na educación é "acabar co financiamento público dos centros que segregan o alumnado por sexo".   Pola súa banda, o socialista Luís Álvarez advertiu que este non é un debate sobre o uso do uniforme, senón sobre unha obriga que impide que as alumnas "poidan elixir libremente" que peza usan. E, ademais, censurou que o Goberno galego pretendese eludir as súas responsabilidades nesta materia a pesar de "ter todas as competencias" ao pedirlle ao Executivo central que sexa o que lexisle sobre a materia.

Estas afirmacións do socialista tiñan lugar xusto despois de que o deputado do PP César Fernández Gil defendera unha emenda da bancada popular que pedía trasladar ao Executivo central a necesidade de regular en materia de vestimenta nos centros escolares. Ademais, a emenda dos populares propuña instar a Xunta a lembrarlles aos centros escolares a necesidade de incluír normas de vestimenta que non discriminen por razón de sexo e lembraba que son os consellos escolares os que deben aprobalas. Con todo, na sesión deste mércores, en que se votaron as proposicións non de lei debatidas no pleno, o PPdeG permitiu, coa súa maioría, que esta iniciativa saíse adiante a pesar de que En Marea non aceptou a súa emenda. Este acordo foi alcanzado nun pleno en que o debate sobre a violencia de xénero e a necesidade de alcanzar unha maior igualdade marcaron a orde do día ante a celebración, o vindeiro domingo, do Día Internacional contra a Violencia Machista.

Noticias web

21/11/2018