CRTVG

Buscar

Acordo entre PSOE e Unidas Podemos para aprobar hoxe os presupostos

Publicado o 27/10/2020 02:02

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias cando asinaron o acordo de goberno

Está previsto que á primeira hora da mañá o presidente do Goberno e o vicepresidente segundo, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, asinen o anteproxecto dos presupostos xerais do Estado de 2021, que será aprobado despois no Consello de Ministros. Unidas Podemos dáballe esta noite o si, tras arrancarlle ao PSOE compromisos en dúas cuestións que considera claves: o ingreso mínimo vital e a regulación do prezo dos alugueiros.

Hoxe era o día fixado para que o executivo dese aprobación ás contas públicas do ano que vén; o propio presidente confirmáballes onte pola mañá aos mandatarios autonómicos que así ía ser. Só unhas horas despois, os socios de coalición dos socialistas aseguraban que aínda non había acordo para levalas ao Consello de Ministros desta xornada. Para a formación morada era imprescindible lograr melloras na tramitación e no acceso ao ingreso mínimo vital e tamén avances na limitación do prezo dos alugueiros nas zonas tensionadas, un dos compromisos do acordo de goberno. As negociacións apuráronse ata última hora deste luns e houbo pacto: regular os alugueiros en catro meses e facilitar o acceso ao ingreso mínimo vital. Hoxe coñeceranse os detalles.

O que xa se sabe é que os orzamentos con que se pretende acabar coas sucesivas prorrogacións dos elaborados polo PP en 2018 teñen un límite de gasto non financeiro sen precedentes: algo máis de 196.000 millíons de euros, case un 54 % máis que o deste 2020. Un gasto récord para paliar as consecuencias da pandemia que inclúe o adianto duns 27.400 millóns dos fondos europeos para a recuperación. O proxecto de lei recolle unha suba salarial do 0,9 % para os empregados públicos, en liña co IPC previsto e coa revalorización das pensións. Tamén inclúe as taxas Google e Tobin, un imposto aos envases de plástico dun único uso, novos tributos verdes e o aumento do IVE ás bebidas con azucre.